Canido foi, desde tempos innumerábeis, un barrio no que residiu a poboación agrícola ferrolá. Ergueuse sobre unha pequena aldea situada na parte máis alta do terreo, feito que lle valeu o apelativo de “última aldea de Ferrol” (Asociación Muiño do Vento, 2017). Os seus habitantes eran na súa maioría labregos. Poida que detrás disto estea o feito de que se comezase a celebrar a eclosión primaveral e a medra dos vexetais. Con todo, non se pode un esquecer da importancia que tivo, e continúa tendo hoxe en día, o Cruceiro na vida dos habitantes de Canido. Como en moitos lugares de Galicia, a Igrexa xogou un papel crucial, facendo súa esta arraigada tradición do mundo rural. En Canido os Maios estiveron ligados á festa de Santa Cruz de Maio (véxase imaxe 1). A esta débelle o nome unha das dúas parroquias que o conforman, a de Santa Cruz.
É importante recalcar a cristianización que viviron os Maios de Canido, celebrados desde hai séculos baixo a denominación de Festas de Santa Cruz. Durante estas festas a rapazada encargábase de elaborar os Maios, fundamentalmente en Alonso López, rúa que vai desde o Cruceiro cara á praza da Tafona. O primeiro de maio sempre aparecía o Cruceiro ataviado para a ocasión con flores desde a base ata a cruz. Mentres, algúns mozos e mozas erguían pequenos altares de flores agardando por unha esmola. Outros dedicábanse a decorar os carros, nos que logo se subirían (véxase imaxe 2) para percorrer o barrio cantando as tradicionais coplas.
As diversas publicacións foron recollendo ao longo da historia os acontecementos que alí se sucedían (véxase imaxe 3). Pero non sempre a festa se mantivo igual de activa. Aínda que Canido soubo manter a tradición, houbo períodos de estancamento. Boa mostra disto pódese atopar no xornal La Voz de Galicia do ano 1983 (véxase imaxe 4). A festa gozou sempre de boa fama na contorna e nos momentos de máximo apoxeo celebrouse unha gran verbena coas mellores orquestras galegas a que acudían veciños e forasteiros.
Con que a tradición se conservase tivo moito que ver un grupo de mulleres que a mantiveron viva case sen decatarse. Todos os anos eran as encargadas, non por imposición senón por devoción, de engalanar o Cruceiro. Para conmemorar o seu esforzo e para facer un percorrido polos Maios no barrio, Ánxela Loureiro, parente dunha delas, realizou un vídeo que deixamos ao final deste escrito.
Os novos tempos chegaron e con eles un novo grupo de xente que revitalizou a tradición, agora rebautizada co nome de Festa dos Maios. Nela conviven as tradicionais estruturas florais, cos maios en forma de cruz e os modernos maios figurados. Estes últimos cunha gran variedade de representacións, na gran maioría animais; polbos, pavos reais (véxase imaxe 5), sapoconchos, caracois ou mouchos. Na súa confección colabora todo o barrio e mesmo xente chegada doutras comarcas. A familia, asociación ou grupo de amigos que realizan o Maio adoitan poñer unha pequena cesta ao carón del en lembranza das antigas maiolas.
Canido engalánase e énchese de optimismo, ironía e gran colorido durante os días da festa. As rúas do barrio atéiganse de obradoiros, contacontos, concertos ou clases de capoeira; que se mesturan entre tanta flor e ledicia. Ademais, os Maios poñen de manifesto a familiaridade que se respira en Canido, onde desde o ano 2005 se realiza un xantar popular no que familias do barrio e outras que se queiran achegar fraternizan.
A Festa dos Maios non tería sentido sen a estimable cooperación de todas as asociacións que conforman a intrabarrial e a dos veciños, que cada ano se implican máis. Na actualidade, a directiva da Asociación de Veciños, presidida por Roberto Taboada, está a impulsar a tradición recompilando o seu material documental e fotográfico.
De feito, o primeiro ano desta nova directiva impulsouse unha mostra de fotografía dos Maios nos anos setenta e oitenta. Ademais, estase fomentando unha festa de proximidade, compatible coa vida diaria da veciñanza (Asociación Muiño do Vento, 2018). Sen esquecer a súa orixe, inténtase preservar a tradición implicando aos máis novos na súa realización e inculcándolles o gusto e o interese polo tema. Un dos principais obxectivos é que coñezan que están a facer e por que motivo.
Para isto, promóvense actividades como o certame literario Inventa unha Flor, xurdido grazas a Asociación Muiño do Vento. Nel participan o Colexio San Rosendo, o CEIP Cruceiro de Canido, o CEIP Juan de Lángara e o IES Canido. Para participar, pídeselles que fagan unha composición literaria, de calquera xénero, na que se faga referencia aos Maios.
OPA CANIDO!Este ano a Festa dos Maios tivo que reinventarse pola situación derivada do COVID-19. Xa estaban todas as actividades organizas e todo planificado pero sobreveu a catástrofe. As actividades tiveron que adiarse e o futuro dos Maios era incerto. A pesar diso, a cidadanía non se conformou e buscou solucións. A xente foi creativa e propuxo realizar os Maios desde as xanelas… e así se fixo. Os que tiñan flores nos seus fogares, servíronse delas. Os que non podían dispoñer de ningún elemento floral natural, empregaron diversos materiais para conmemorar a primavera e o frutificar da maioría das plantas. Ademais, a Floristería Bambú e Vivaflor puxeron á disposición dos veciños o material que tiñan nos seus almacéns. A pesar de todo, e co esforzo de moita xente, a Festa dos Maios 2020 conseguiu seguir para adiante. É máis, readaptáronse as actividades para que fosen accesibles en liña, no seguinte enlace tendes máis información.
VÍDEO DE ÁNXELA LOUREIRO
Referencias do texto:
Ánxela Loureiro Llorca. (Produtor). (2020). Mil primaveras máis para Canido. [Vídeo].
Asociación Muiño do Vento. (Produtor). (2017). Aproximación a Canido [Vídeo]. De https://www.youtube.com/watch?v=YAvQp9EoOyE
Asociación Muiño do Vento. (Produtor). (7 de maio de 2018). Festas dos maios en Canido [Audio en podcast]. Recuperado de https://muinhodovento.gal/radio016/
Este año se celebrarán las fiestas de Santa Cruz de Canido (26 de marzo de 1983). La Voz de Galicia, p. 29.
Referencias das imaxes:
[Fotografía 1]. (Canido, Ferrol. s.f.). Festas de Santa Cruz. Imaxe tomada do: Almanaque de Ferrol. Real Academia Galega.
[Fotografía 2]. Obtida grazas a Roberto Taboada
[Fotografía 3]. Obtida grazas a Roberto Taboada
Ilustración 4. Este año se celebrarán las fiestas de Santa Cruz de Canido (26 de marzo de 1983). La Voz de Galicia, p. 29.
[Fotografía 5]. Obtida grazas a Roberto Taboada (2017).
Ilustración 6. Piñeiro, S. (Artista). (2020).