Ilustración 1. O traballo no rural galego (formación dun palleiro)

Durante séculos, os habitantes da Galicia máis rural levaron a cabo a práctica de numerosos oficios e tarefas de índole agrícola (véxase imaxe 1) e mariñeira. Ao ritmo imposto polas colleitas e os traballos do mar, realizaban ademais unha serie de ritos e costumes que se trasladaron ás cidades coincidindo co denominado éxodo rural (Pérez, 2006).

Xunto ás persoas viaxaron tamén os ritos vinculados ao ciclo vital da natureza, á fertilidade das terras, á chegada da primavera e ao frutificar da maioría das plantas. Con todo, o de Galicia non é un caso illado. Hai testemuños, tanto en España como noutros países do mundo, que mencionan a existencia de tradicións vencelladas á chegada da primavera. Algunhas, como a de alumear o pan, son, por magoa, pouco coñecidas. E outras, como a dos Maios están algo mellor enraizadas. Dela imos falar a continuación.

Ilustración 2. La diosa Flora, Luca Giordano

Este costume, pertencente ao denominado “Ciclo de Maio”, adoita ter lugar entre a primeira quincena de abril e mediados do mes de maio, aínda que hai autores que son partidarios de prolongalo ata San Xoán (González Pérez, 1988).

A súa orixe é un tema que xera un amplo debate entre os interesados na materia. A maior parte deles concordan en que procede de teorías máxicas e animistas que se remontan á Prehistoria. Tamén hai quen o asocia co celtismo, como o escritor e historiador Manuel Murguía, o antropólogo Florentino López Cuevillas ou o escritor Vicente Risco. Outros optan por atribuírlle unha procedencia fenicia ou grega. Do culto ás divindades destas antigas civilizacións e, grazas aos intercambios comerciais e a outras relacións algo máis belixerantes, estas tradicións espallaríanse a través do tempo e o espazo ata chegar á civilización romana, berce da nosa (Moreno Artesero, 2013). De feito, o mes de maio tomaría o seu nome en moitos idiomas europeos grazas a Maya, deusa romana da primavera, tamén coñecida como Flora (véxase imaxe 2). A diversidade de opinións respecto a este tema, constata que o costume que tiñan os nosos devanceiros de invocar aos deuses para pedir boas colleitas, descende de lugares e épocas moi variadas.

Ilustración 3. Persoas tocando arredor dunha estrutura floral coroada por unha cruz

Este rito agrario comezou sendo unha celebración pagá que se manifestaba a través de representacións florais naturais. Con todo, nalgúns lugares a tradición sufriu a prohibición da Igrexa que co paso do tempo foina cristianizando. Aproveitou algunhas festividades, como a de Santa Cruz (3 de maio), para  darlle un cariz eclesiástico. Este feito constátase mediante a imaxe de estruturas florais ergueitas sobre unha cruz (véxase imaxe 3).

Ilustración 4. Maio humano en Portomarín

En Galicia, tense constancia da existencia de catro tipos distintos de maios: os Ramos de Maio, os Maios humanos, os Maios figurados e as Maias (González Pérez, 1988). A primeira manifestación é a máis sinxela. Os nenos eran portadores de ramos de flores que trocaban a cambio de diñeiro ou lambetadas. Celebráronse en lugares como Quiroga (Lugo) ou Cambados (Ourense). Por outra parte, os Maios humanos eran persoas cubertas cun manto de pólas e follas (véxase imaxe 4). Este tipo segue a realizarse fóra da fronteira galega na comarca do Bierzo. A pesar da importancia destas dúas primeiras manifestacións, actualmente os Maios figurados son os máis coñecidos, en especial os do sur de Galicia. Constan dunha estrutura de madeira cuberta por elementos vexetais, tradicionalmente de forma cónica ou piramidal. Aos clásicos únense os artísticos que representan calquera figura que pase polo maxín. Por último, quedan as Mais, moi abundantes durante o século de Ouro das letras castelás (González Pérez, 1988). Eran nenas que cantaban e danzaban arredor de arcos de flores. Esta variante desapareceu en lugares tan próximos como Tiobre, en Betanzos.

A xeografía galega está ateigada de lugares con encanto nos que se celebra algunha destas variantes. Con todo, o paso do tempo fixo que moitas delas esmorecesen e acabasen por desaparecer. No seguinte mapa recóllense os lugares máis destacados nos que houbo ou segue habendo Maios humanos (en azul), a meirande parte deles desaparecidos,  e Maios figurados (en verde).

Parte importante destas celebracións, e da que  non se pode un esquecer, son as cantigas. Algunhas están dedicadas á primavera. Outras son o reflexo da sociedade do momento, e como tal recollen, en ton irónico, os sucesos dunha época. Unha das máis famosas é O Maio de Curros Enríquez:

Como xa se veu, os Maios presentan variacións segundo a zona de Galicia na que nos atopemos. Mais non só teñen lugar na nosa comunidade. A tradición dos Maios celébrase noutros lugares do país, aínda que con leves variacións en canto ao día ou aos elementos. Unha destas variantes é o denominado pau de maio, unha árbore que se corta e se coloca nun lugar de boa visibilidade para engalanar con cintas de cores (Portela, 2015). Ademais de ser coñecido na Península Ibérica, a tradición da árbore de maio celébrase en moitas zonas de Europa, entre elas Alemaña, Francia, Inglaterra ou Irlanda. Espallados polos diversos países europeos tamén atopamos outras figuras semellantes ás dos Maios como o  Jack in the Green inglés, o Waldmann austríaco ou o maio de Alvaçoes de Corgo portugués. (González Pérez, 1988). Con todo, e a pesar das diferenzas, todas elas están vinculadas á natureza e á fecundidade.


REFERENCIAS:

Ilustracións ordenadas por orde de aparición :

[Fotografía 1 de Amancio Pico Boquete]. (Goiriz, Vilalba. 1961). Archivos, bibliotecas y mediateca del Ministerio de Agricultura. Recuperado de https://www.mapa.gob.es/es/ministerio/archivosbibliotecasmediateca/mediateca/imagenes_mundo_rural_tcm30-90020.pdf

Giordano, L. (Artista). (Cara a 1697). La diosa Flora. [Óleo sobre lenzo]. Recuperado de https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/la-diosa-flora/f9e35e c0-83f0-4831-a9db-1a4e44fba21c?searchMeta=luca%20giordano%20la%20diosa

[Fotografía 3]. (Canido, Ferrol. s.d.). Ofrecida por Roberto Taboada.

[Fotografía 4]. (Portomarín, Lugo. 1986). Maio tradicional de Portomarín con coroa cruciforme. O pau é para se defender dos outros grupos. Imaxe tomada do libro: González Pérez, C. (1988). A festa dos Maios. Vigo: Ir Indo.

Ilustración 5. Creación propia.


Referencias do texto:

González Pérez, C. (1988). A festa dos Maios. Vigo: Ir Indo.

Moreno Artesero, J. J. (mayo, 2013). Los Mayos. TECLA, 1-6. Recuperado de http://www.educacionyfp.gob.es/reinounido/en_GB/dam/jcr:26926457-0e92-4406-9413-e458660b3bb1/05-13c.pdf

Pérez, A. (2006). Canteiros, oleiros e afiadores: Los oficios y jergas artesanales en Galicia. A Coruña: Era.

Portela, R. ( 3 de maio de 2015). La fiesta de los mayos. [Mensaje en un blog]. Recuperado de http://www.detectivesdelahistoria.es/la-fiesta-de-los-mayos/