Sintonía e axiña música de Carlos do Carmo, O homem das castanhas, motivadora dun magosto radiofónico, sen truco e sen tratos, no que participa a xente convidada a este novo programa, número 27.
Roberto Taboada presenta as actividades do magosto que vai celebrarse o sábado vindeiro .Pasa logo a informar da reunión que, co obxectivo de coñecer propostas municipais sobre o Premio Cidade Alegre, realizouse coa Concelleira de Urbanismo. Pide Roberto participación veciñal para a inversión deste Premio extraordinario.
En Polo correo do vento, información sobre a dedicatoria dunha rúa a Reme. Tamén información da Tertulia no Muíño coa proposta de Antón Cortizas “A que xogabas de pequeno”. Presentación da nova fornada de Outra información e posible, enviada por Xulio Betegón.
Novembro de defuntos foi o tema tratado polos compoñentes de Ferrolterra Antiga. Tradicións e costumes arredor da historia funeraria da xente do común. Salientar a referencia ao Cemiterio de Canido.
Fóra do mapa, outro xeito de ver e facer teatro, foi o cerne da entrevista que Chus Prieto, na sección Teatro do Muíño, lle fixo a Cristina Moreira. Posterior información das actividades teatrais que van ter representación na vindeira quincena en Ferrolterra.
Nieves Losada, traballadora social, participa na sección Outro mundo é posible. Entrevista e debate con Rafa Rodríguez desenvolvendo a idea da necesidade dos Servizos Sociais como ferramenta para o benestar social.
Remate do programa , remate do magosto e soa, de novo, O homem das castanhas.
https://www.ivoox.com/unha-tarde-no-muino-27-audios-mp3_rf_29849385_1.html