Canido celebrou a G-Night cunha xornada de obradoiros sobre economía e comunicación
A Asociación Veciñal de Canido acolleu o pasado 26 de setembro a Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) no seu Centro Cívico, converténdose nun dos escenarios desta cita internacional que achega a ciencia ás rúas, museos, institucións educativas e bares de toda Galicia.
O evento, coordinado pola Universidade de Vigo, e no caso de Ferrol organizado pola Universidade da Coruña, celebrouse un ano máis baixo o lema “Conciencias creativas”, co obxectivo de poñer en valor a relación entre coñecemento científico e creatividade.
En Canido, preto de 30 persoas de idades moi diversas —desde os 4 anos en diante— achegáronse ao longo da tarde-noite para participar nos obradoiros divulgativos, todos eles dirixidos por profesorado da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. O programa foi o seguinte:
18.10 – 19.00 h | Marketing territorial: Sabes o que é a marca cidade?
Joaquín Enríquez Díaz, Begoña Álvarez García e José Javier Orosa González explicaron a importancia do marketing territorial e das estratexias para mellorar o atractivo e competitividade dunha cidade ou país.19.00 – 20.00 h | Nin o imaxinas: a importancia da economía para o día a día
Neste obradoiro abordáronse conceptos básicos como inflación, tipo de interese, débeda pública ou nóminas, co fin de axudar ás persoas asistentes a comprender mellor a actualidade económica.20.00 – 21.00 h | Marketing e eleccións
Analizouse o uso das redes sociais e dos vídeos electorais nas últimas campañas ao Parlamento Europeo e ao Parlamento de Galicia, mostrando como estas ferramentas se converteron en pezas chave da comunicación política. Este último obradoiro contou coa presenza da concelleira Eva Martínez Montero, que se interesou especialmente polo papel dos medios dixitais nas campañas electorais.
A G-Night, coñecida como a Noite Europea das Persoas Investigadoras, celebrouse simultaneamente en máis dunha ducia de cidades galegas, contando coa participación de universidades, centros e institutos de investigación. A proposta buscou achegar a ciencia á cidadanía de maneira próxima, entretida e participativa.