O centro cívico de Canido acolle a presentación do libro Cartas de Marco Polo e outros relatos de Gabriel Rei-Doval
Estará acompañado na presentación polo editor Miguel Toval e polo músico e fundador de Luar na Lubre Bieito Romero, que ao final do acto interpretará varias das súas creacións.
Cartas de Marco Polo e outros relatos recolle ensaios elaborados polo autor “sen o corpiño propio da investigación, libres de ataduras académicas no proceso creativo”, segundo os define o propio autor, nesta altura profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee.
O libro que presentamos foi orixinariamente unha sección do xornal dixital Galicia Confidencial. A súa escrita estivo condicionada pola inmediatez entre as datas e lugares visitados e a saída dos artigos.
Cartas de Marcos Polo e outros relatos contén tamén ensaios publicados noutros periódicos ou revistas galegas (xa en papel, xa dixitais) e foron o seu primeiro intento consciente de crear unha narrativa consecutiva para unha viaxe longa. Estes ensaios forman un conxunto que reflicte a necesidade de viaxar para atopa-lo necesario punto de encaixe e o lugar no mundo.
Son artigos pegados a unha literatura de viaxes dun tipo máis tradicional ca as súas posteriores Viaxes sen Lee, o proxecto creativo no que traballa actualmente.