o Sábado 5 de xuño tivemos presentación dun libro moi especial…texto de Antonio Reigosa e ilustracións de Rita Groovesnore …que hai uns anos fixo un delicioso cartaz para a Festa dos Maios….grazas a ambos e a Miguel Toval por escoller Canido para presentar tan fermoso volume…

Os autores Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) e Rita Gutiérrez (Ferrol, 1990) presentan o sábado no Centro Cívico de Canido o libro “Contrahistorias de Galicia” (Edicións Embora, 2020), recente gañador do Premio Follas Novas ao Libro Mellor Ilustrado.

Para a crítica galega, “é probable que estas Contrahistorias de Galicia constitúan un dos libros máis salientables destes últimos meses no seu ámbito, a medio camiño entre o rescate histórico e a divulgación. Ao que, sen dúbida, contribúe acertada e atractivamente o corpus de ilustracións que correu a cargo de Rita Gutiérrez”.
Antonio Reigosa, así pois, alicerza o seu proxecto nunha idea que é a de visibilizar un monllo de situacións ou personaxes propias do noso pasado que, por diversas razóns, ficaron arrombadas nas marxes da “historia oficial” ou, simplemente, ignoradas, reivindicando por extensión outra lectura do que nos aconteceu que non se constitúe só polos grandes feitos, antes ben, polo que simbolizan outras persoas que, malia poeira depositada na súa memoria, aí están. Velaí que cómpre agradecer tanto o labor documental que conduce ao autor a realizar unha escolma significativa desas personaxes ou situacións e contárnolas dun xeito ameno e fluído, non exento de certa e agradecía ironía de cando en cando.