Emisión número sete que comeza coa sección habitual de Roberto Taboada Noticias de Canido, para continuar cun programa especial a xeito de homenaxe a Antón Varela, Tonecho, Gaiteiro de Canido, Gaiteiro Universal.

 

Como convidados estiveron no programa José Varela, irmán de Tonecho, e Xan R. Silvar amigo e compoñente do grupo Raparigos.

Gaita Irreal de Celso Emilio, foi o pórtico de entrada a un percorrido vital e artístico do homenaxeado.

 

Percorrido vital, dende os xogos en Ínsua do neno Tonecho, ata os seus estudios de mozo. Dende o carteiro e electricista ata o obreiro da Bazán que un día decide cambiar de rumbo e buscar outros portos. Tonecho pide a conta e prepárase para dedicarse  enteiramente a súa paixón, a gaita . A gaita como interpretación e construción.

 

Percorrido artístico explicativo do achegamento ao mundo da gaita, dende as influencias familiares, Follas Novas, Raparigos, Cempés, Berros do Castro……ata o derradeiro interprete de Catálogo de seu. Polo medio viaxes a Festivais e Encontros Internacionais (Modena, Lorient, Saint Chartier…). Sen esquecer o labor docente e formativo que desenvolveu en barrios e parroquias de Ferrolterra.

 

Tonecho e a súa coidada interpretación, lonxana a calquera adorno en desmesura que rompera a emoción primixenia da liña melódica. Tonecho construtor e investigador no seus obradoiros da rúa San Francisco e Magdalena, lugar de encontro do mundo da música tradicional da contorna.

E Tonecho solidario con calquera iniciativa cidadán, nomeadamente con aquelas do seu barrio: Canido.

 

Soaron as gaitas do seu derradeiro traballo e coa solemnidade da Marcha de Breixo pechou esta homenaxe a Antón Varela, Tonecho.

 

Ata sempre, gaiteiro.

https://www.ivoox.com/unha-tarde-no-muino-7-audios-mp3_rf_22719040_1.html