A Asociación Veciñal de Canido  xunto con outras entidades propoñen unha programación para esta semana que mestura a reflexión social, a divulgación científica e  acultura, convertendo o centro cívico do barrio nun punto de encontro para a veciñanza.

26 DE SETEMBRO – NOITE GALEGA DOS INVESTIGADORES E O BARRIO É NOSO

A xornada máis completa será este venres 26 de setembro, cando coincidirán dúas citas. Pola tarde-noite, o Centro Cívico, e concretamente a súa Sala de Úsos Múltiples, acollerá varios obradoiros da Noite Galega das Persoas Investigadoras – A GNight – , unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo e que achega a ciencia a espazos comunitarios de toda Galicia baixo o lema “Conciencias creativas”.

A partir das 18:10 horas, o público poderá participar en tres talleres divulgativos dirixidos por docentes da Facultade de Economía e Empresa e do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. O primeiro abordará o concepto de marketing territorial e a chamada “marca cidade”; o segundo, previsto para as 19:00 horas, explicará conceptos económicos básicos como a inflación, os tipos de interese ou a débeda pública para entender mellor as noticias e conceptos básicos que se empregan no día a día; mentres que o terceiro, dende as 20:00 horas, analizará dende o punto de vista do Marketing Político o uso dos vídeos electorais nas recentes campañas ao Parlamento Europeo e ao Parlamento de Galicia. Todos os talleres están abertos a todo o público e de tódalas idades.

Tamén o venres, ás 19:30 horas, terá lugar unha nova sesión do ciclo de charlas “O BARRIO É NOSO”, impulsado pola AVV de Canido e a Asociación Sociocultural Muíño do Vento. Nesta ocasión, o convidado será Ramón Montero Cereijo, arquitecto e experto en Edificación, Rehabilitación e Xestión de Proxectos, que falará sobre o dereito á vivenda e a situación do mercado inmobiliario na cidade. Montero analizará as causas da suba dos prezos, os indicios dunha posible burbulla inmobiliaria e os efectos da xentrificación e turistificación no acceso á vivenda, especialmente no alugueiro.

27 DE SETEMBRO: “ENTES ANIMADOS”

A programación completarase o sábado 27 de setembro, tamén ás 19:30 horas, co regreso do ciclo teatral “Entes Animados”, que presentará a obra “Eu e que conto” da compañía Fértil Cultural. Unha cita pensada para achegar o teatro á veciñanza e seguir dinamizando a vida cultural do barrio.